O nadador lucense Mauro Rodríguez foi recibido hoxe na Deputación
sta mañá, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, recibiu no pazo de San Marcos ao nadador Mauro Rodríguez, campión de España de 100 metros mariposa para persoas con discapacidade psíquica, que ademais é o primeiro nadador con síndrome de Down que logra estabeler esa plusmarca. O deportista acudiu acompañado da súa familia e persoas achegadas a el polo mundo da natación, arroupando xunto ao vicepresidente da Deputación a un Mauro Rodríguez emocionado, que recibiu un recoñecemento polos seus éxitos gañado a pulso co seu esforzo e forte traballo adestrando.
Antón Bao quixo felicitar en nome da Área de Deportes da Deputación ao deportista por todos os seus éxitos deportivos e afirmou que “todos os deportistas lucenses poden verse reflectidos nel como un auténtico exemplo de superación e traballo, esforzo continuo e gañas de seguir adiante”. Bao engadiu que “os éxitos de todos e todas as deportistas lucenses son para nós un motivo de satisfacción, pero se algún acadou un valor especial polo exemplo que constitúe, ese é o de Mauro Rodríguez”. Por outra banda, o vicepresidente da Deputación lembrou que desde a Área de Deportes da Deputación téntase acadar “que os clubs e asociacións deportivas coas que colaboramos procuren nas súas actividades tamén un retorno social”, e engadiu, “que ademais do traballo de base e de formación que os clubs desempeñan, que teñan tamén unha función de integración social”.
Nesta liña, Antón Bao lembrou que para apoiar a carreira de deportistas individuais, este ano a Área de Deportes da Deputación convocará unhas axudas destinadas a sufragar os custes derivados da práctica deportiva, de xeito que se poida contribuír a que os deportistas lucenses continúen acadando todos os éxitos que, coma Mauro, están a gañar en Galiza e no Estado para o deporte lucense.
Instantes despois, durante a recepción celebrada na sala de xuntas da Deputación, Antón Bao entregoulle un pequeno agasallo a Mauro Rodríguez como recordo do seu recibimento na institución e animouno a seguir “coa entrega e ilusión que te caracterizan, o que seguro que fará que continúen a medrar os éxitos que estás acadando”.