Deporte • 8/04/2014
Autor: M. X. Queimaliños
Asegurada xa a súa presenza neste campionato que se celebra en Badaxoz o vindeiro mes de maio, agora están a buscar axudas e apoios que permitan aos deportistas Mauro Rodríguez e Loira Fernández acudir en novembro ao Mundial de México. Nese sentido a senadora galega do PSOE, Paula Fernández está a xestionar ante o Consello Superior de deportes (CSD) que os deportistas con síndrome de Down reciban axudas para financiar a súa presenza en competicións internacionais.
O presidente do club, Enrique Carro agradece enormemente o interese amosado polos propietarios do Club Ipadel de Vigo grazas a cuxo patrocinio poderán participar nos vindeiros Campionatos de España de Atletismo para persoas con discapacidade intelectual. Unha achega económica que lles permite incluso estár máis preto do Mundial de México. Precisan de 7.000 euros para asegurar a participación de Mauro Rodríguez e Loira Fernández e unha parte do patrocinio de Ipadel tamén se destinará a ese obxectivo.
Con todo, aínda non acadaron a totalidade dos cartos necesarios para asegurar dita competición internacional. Nese sentido valoran tamén moi positivamente os trámites que a senadora socialista Fernández Pena está a realizar ante o Consello Superior de Deportes e o senado para incluír estas modalidades deportivas nas subvencións existentes.
A senadora explicaba que a día de hoxe a natación para persoas con discapacidade só é subvencionada cando ten categoría de paralímpica motivo polo que xa trasladaron ao Consello Superior de Deportes a petición de que esta modalidade sexa tamén financiada para asegurar aos deportistas os gastos de desprazamento e manutención en competicións internacionais